26 abr 2010

Traballar da man para superar os desafíos

Como xa avancei neste blog hai un par de entradas, a comunidade universitaria de Reino Unido está inmersa nun debate acerca do que para algúns é unha tendencia do Goberno a privilexiar a Ciencia e a Tecnoloxía á hora de repartir fondos por considerar que estas áreas contribúen en maior medida á mellora da economía e competitividade do país.

Neste senso, pareceume de especial interese unha carta publicada en The Observer polos máximos dirixentes de importantes institucións culturais do país como a National Gallery ou o British Museum, así como os Reitores de distintas universidades.

No artigo sinalan que en situacións económicas adversas coma a actual, parece estenderse a crenza de que o coñecemento pode dividirse en bloques, dos cales algúns, como as Ciencias e a Tecnoloxía, a Enxeñería e as Matemáticas, parecen ser máis importantes para o desenvolvemento do país que os demais. E fronte a esta concepción, afirman: "Cremos que as outras áreas de investigación son igual de importantes. Incluso en termos estrictamente económicos é un erro descoidar a importancia da economía creativa e dun rico e vibrante sector cultural, de museos e galerías, para o turismo".

E van máis aló, afirmando que "os desafíos que enfronta o país e o mundo non poden ser enfrontados sen as Artes e as Humanidades". Así, subliñan que  "a complexidade dos pobos procede das súas linguas, identidades, historias, crenzas e culturas". "Sen comprender esas complexidades non podemos enfrontar eses desafíos", conclúen.

Non podo estar máis de acordo: sen as Artes e as Humanidades non seriamos quen de estar hoxe onde estamos, e sen elas non seremos capaces de continuar avanzando. É máis, nun mundo complexo e cambiante como o actual, as distintas disciplinas non poden darse as costas, senón traballar da man para poder facer fronte aos desafíos.

O link é este: http://www.guardian.co.ik/theobserver/2010/feb/28/observer-letters-arts-funding

1 comentario:

  1. Non poido estar máis dacordo co que leo. As Artes e as Letras fan avanzar a un pobo. Nin por riba nin por baixo das Ciencias e a Tecnoloxía, simplemente á par.É unha labor de pais, mestres, profesores e institucións facer unha labor de divulgadores coas nosas xeracións máis novas. Dende aqui reinvindico que todos estes axentes fagan a súa labor como embaixadores da cultura.

    ResponderEliminar