30 ene 2010

Nada mellor que escribir nun encerado

Andrea Goldsmith, catedrática de Enxeñería Electrónica na Universidade de Stanford (EE UU), é capaz de imaxinar autopistas intelixentes nas que os condutores non teñen que conducir e non hai accidentes, microchips que se insiren no corpo para facer seguimento a distancia dunha doenza, ou os teléfonos móbiles de dentro de 30 anos. Di a catedrática nunha entrevista publicada hoxe en El País que “se es visionario, os avances técnicos chegan antes”.
Pero a pesares desta vocación por anticipar o futuro, Goldsmith insiste en que tampouco hai que rexeitar sen máis o que temos aprendido e funciona. Neste senso, pon como exemplo da súa experiencia como profesora universitaria que por moito que haxa que repensar como e que se ensina e como se poden aproveitar as novas ferramentas, hai ocasións nas que aínda non ten “atopado nada mellor que escribir nun encerado”.


Gústame esta afirmación porque esa é tamén a miña experiencia. O contacto persoal, a capacidade de transmitir coñecementos e emocións na aprendizaxe, o vínculo que se crea entre o profesor e os alumnos, nunca poderá ser substituído por unha máquina, e todo iso tamén se transmite e é unha peza clave na formación das persoas.

Os videoclips como ferramenta de divulgación cientifica

A través do blog Observatori 2.0, que vos invito a visitar, atopei un interesante exemplo de divulgación científica mediante videoclips. O autor é o grupo estadounidense They Might Be Giants, que naceu en 1982 como banda de rock independente, pero que na actualidade está moi orientado á divulgación científica e ambiental. Na súa canle de YouTube podedes atopar varios vídeos do grupo. Aquí vos deixo o que máis me gustou.





19 ene 2010

Entrevista en El Progreso

El Progreso fíxome hai uns días unha entrevista que podedes ver aquí.

18 ene 2010

As zapatillas da Zarina





Quero facervos un regalo. Déixovos para o voso deleite un fragmento da obra “As zapatillas da zarina”, de Chaikovski, que recentemente tiven a oportunidade de admirar na Royal Opera House de Londres.


Este vídeo é só un tráiler (ben fermoso por certo) a modo de presentación do espectáculo que acolleu a Ópera, pero creo que é un apetitoso anticipo do que alí se puido ver: unha cautivadora obra do xénero cómico-fantástico baseada nun conto de Nicolai Gogol.
A composición combina ópera e ballet, e para esta representación contou cunha espectacular montaxe, que alternaba elementos contemporáneos e clásicos, e uns vestiarios fascinantes.


Chaikovski ten poucas óperas representadas, e esta montaxe era unha estrea no formato ópera-ballet.


Espero pois que o disfrutedes.

15 ene 2010

Noraboa a Ángel Carracedo e o seu equipo

Quero desde ese foro trasladar a miña máis sinceira noraboa ao grupo de investigación dirixido polo gran científico Ángel Carracedo polo seu importante descubrimento que veu a luz en días pasados e que xa forma parte das páxinas de Nature Genetics.


Con investigacións como esta a ciencia en Galicia avanza a pasos axigantados e ocupa un lugar propio en niveis internacionais.


Como científica compañeira na USC, é un luxo compartir contigo, Ángel, a ilusión e a curiosidade pola nosa grande paixón: a xenética. Noraboa e estou segura de que che esperan outros importantes descubrimentos cos que asombrar á comunidade internacional.



Podedes saber máis aquí.

13 ene 2010

Traballo en equipo

Pregunta: ¿O traballo de equipo axuda?
Resposta: Claro. Comigo está xente desde hai 30 ou 40 años. As nosas reunións parecen partidos de pimpón. Nin nos acordamos quen di que, o noso é un proceso colectivo. Xeramos tanta carga que despois, basta un movemento da man, unha engurra na folla, para que naza un boceto."

Renzo Piano, arquitecto creador do Beaubourg de París
Suplemento Babelia

Excelente reflexión do traballo en equipo, real como a vida mesma...

11 ene 2010

Divulgando ciencia

Interesante entrevista a publicada onte en El País Semanal ao catedrático de matemáticas en Oxford, Marcus du Sautoy; interesantes reflexións científicas en torno a esta ciencia e interesante personalidade a deste profesor... Resulta á súa vez especialmente importante o traballo que desenvolve na BBC como divulgador científico, o seu programa The Royal Institution Christmas Lectures foi visto nada máis e nada menos que por un millón de espectadores. Estou segura que a súa experiencia é digna de ser coñecida en primeira persoa e sería interesante poder contar con el nalgunha das iniciativas de divulgación que promove a nosa universidade.


Anímovos a que xulguedes por vós mesmos na páxina de El Pais