30 ene 2010

Nada mellor que escribir nun encerado

Andrea Goldsmith, catedrática de Enxeñería Electrónica na Universidade de Stanford (EE UU), é capaz de imaxinar autopistas intelixentes nas que os condutores non teñen que conducir e non hai accidentes, microchips que se insiren no corpo para facer seguimento a distancia dunha doenza, ou os teléfonos móbiles de dentro de 30 anos. Di a catedrática nunha entrevista publicada hoxe en El País que “se es visionario, os avances técnicos chegan antes”.
Pero a pesares desta vocación por anticipar o futuro, Goldsmith insiste en que tampouco hai que rexeitar sen máis o que temos aprendido e funciona. Neste senso, pon como exemplo da súa experiencia como profesora universitaria que por moito que haxa que repensar como e que se ensina e como se poden aproveitar as novas ferramentas, hai ocasións nas que aínda non ten “atopado nada mellor que escribir nun encerado”.


Gústame esta afirmación porque esa é tamén a miña experiencia. O contacto persoal, a capacidade de transmitir coñecementos e emocións na aprendizaxe, o vínculo que se crea entre o profesor e os alumnos, nunca poderá ser substituído por unha máquina, e todo iso tamén se transmite e é unha peza clave na formación das persoas.

4 comentarios:

  1. Eu penso que na nosa vida persoal e profesional hai certas cousas que nunca poderán ser substituídas polos avances científicos e tecnolóxicos. Por iso me gusta ler esta opinión escrita por unha científica.

    ResponderEliminar
  2. Estou totalmente dacordo con esta afirmación, non hai que deixar nunca atrás a sabidiría dos nosos ancestros, sería un gran erro, e hai que aproveitar aquelo que realmente vale... penso que na sociedade que vivimos as veces esto queda olvidado e caemos nun gran erro.

    ResponderEliminar
  3. Coido que todas as ferramentas son boas -pasadas e futuras- e na intelixencia humana está a capacidade e a aptitude para facer uso delas cando o crea máis convinte.. pero os avances son os avances e hoxe ¿quen pode imaxinarse a súa vida sen móbiles, etc.?
    A universidade debe dar exemplo de coñecemento e eso implica estar á última en case todos os ámbitos... está ben que un profesor volte á pizarra pero sen perder a conexión coa sociedade e a actualidade. Nas súas aulas xógase o noso futuro.

    ResponderEliminar
  4. Para que un rapaz escriba, débeselle dar un lápiz e despois ensinar a escribir. Aquí só se deu o lápiz, e cada un está a facer garabatos...
    A potencialidade que teñen ferramentas mais "modernas" nunca poderán ser sustituídas por un debuxo no encerado, por moi ben que debuxe o/a profesor/a.

    ResponderEliminar