15 feb 2010

Santiago baixo a neve

O meu amigo Manolo Bermejo fíxome chegar esta selección de fotos de Santiago con neve, acompañadas dunha suxerente música.

¡Anímovos a disfrutar doutra perspectiva da cidade!

11 feb 2010

Investigación fundamental nas universidades

Richard C. Levin, reitor da Universidade de Yale, unha das mellores universidades investigadoras dos Estados Unidos, pronunciou recentemente unha conferencia na que fixo unha apaixoada defensa do rol das universidades no desenvolvemento de investigación fundamental e da xeración de coñecementos non ligados a obxectivos económicos a curto prazo.
Na súa intervención subliñou así mesmo que este tipo de investigacións teñen que ser financiadas polos gobernos, xa que, ao non producir beneficios económicos a curto prazo, as empresas carecen de incentivos para acometelas.

Non podo estar máis de acordo co exposto por Levin, que ademais cita entre outros argumentos a favor da súa tese o que para min constitúe o informe máis importante na política científica mundial nos últimos 60 anos: “Science: The Endless Frontier”, de Vannevar Bush, que deseñou e puxo en marcha o sistema de I+D pública estadounidense na segunda metade do século XX, cos resultados de todos coñecidos.

9 feb 2010

As claves están na ciencia e a universidade

Quero recomendarvos a lectura dunha entrevista publicada esta fin de semana ao político e intelectual inglés, Christopher Patten, actual reitor da Universidade de Oxford -pero que tamén o foi de Newcastle- na que fai unha interesantísima reflexión das claves do poder económico de Estados Unidos. Para el, as bases da situación do primeiro país do mundo están na investigación e na universidade e destaca que das 50 mellores universidades, 42 están en Estados Unidos. Ademais, subliña a capacidade deste país para atraer forza intelectual doutros continentes. "O 75% dos traballos e ensaios científicos de Estados Unidos son escritos por estranxeiros", afirma.
    
Moitos de nós xa nos demos conta das enormes potencialidades da universidade e da investigación pero nunca sobran opinións e reflexións que avancen neste camiño.

4 feb 2010

Valentes palabras, interesante conclusión


A fin de semana pasada, concretamente, o domingo, liamos nun xornal galego unha entrevista realizada a Darío Villanueva, recén nomeado secretario da RAE. As súas reflexións aportan intelixencia e  unha perspectiva académica en torno ao debate social que se ten xerado en torno ás linguas. "O patrimonio lingüístico debe ser respectado e protexido. Isto é algo que non só compromete aos políticos senón tamén á sociedade civil", afirma o catedrático.

Noraboa Darío e grazas por aportar as túas interesantes e contrastadas reflexións a un tema tan importante.