2 may 2010

A ciencia como ferramenta para a cooperación


Cada domingo gústame escoitar a sección Ciencia para Curiosos do programa A vivir que son dos días da Cadena Ser. Precisamente, hai unha semana, coincidindo co Día Internacional contra a Malaria, unha enfermidade erradicada hai 60 anos en Europa, pero que aínda hoxe remata cada ano coa vida de 1 millón de persoas no mundo, realizáronlle unha entrevista a Pedro Alonso, un investigador fundamental neste eido.

Pedro Alonso leva loitando máis de 20 anos contra esta enfermidade, a través do seu traballo no Centro de Saúde Internacional do Hospital Clínic (Barcelona), e o Centro de Investigação em Saúde de Manhiça (CISM), en Mozambique, vinculado ao primeiro.

O investigador Carlos Martínez, colaborador habitual desta sección, destacou deste centro unha idea que me parece fundamental: a formación de investigadores do propio país. O CISM é "un modelo do que debe ser a colaboración co terceiro mundo", apuntou Martínez; un centro de investigación de excelencia, que proporciona formación ás persoas de alí, que se forman en Barcelona e noutros centros internacionais de referencia, e se reintegran de novo no seu país de procedencia. 

De feito, segundo explicou Pedro Alonso, na actualidade tanto o director do centro como dos seus distintos departamentos son mozambicanos cun claro compromiso co seu país.

Pedro Alonso é un científico de referencia, tanto polos seus importantes traballos como polo seu firme compromiso na erradicación desta enfermidade no continente africano. Neste senso, o desenvolvemento de vacinas é un dos eixos do traballo que dirixe. Así, desenvolveu unha primeira demostración que ten desencadeado nun ensaio de fase tres, de gran escala, involucrando a 7 países africanos e 16.000 voluntarios, que permitirá o rexistro dunha primeira xeración. Segundo afirma este investigador, é un xigantesco paso adiante, pero non será a vacina definitiva, senón que resultará necesario mellorar a súa eficacia, que calcula será de ao redor dun 50%.

Sen dúbida un traballo de máxima relevancia para a saúde mundial, e un gran exemplo de cooperación co terceiro mundo utilizando a ciencia como ferramenta. Invítovos a escoitar a entrevista aquí.