3 mar 2010

A divulgación, clave para espertar as vocacións científicas

“Non se lle pode esixir amor pola ciencia a alguén que non a coñece”. Esta é a afirmación que Juan Carlos Rolón Gadea, investigador nado en Paraguai, realizou nunha entrevista publicada na revista online de Divulgación e Cultura Científica Iberoamericana da Organización de Estados Iberoamericanos para la Educación, la Ciencia y la Cultura (OEI) e a Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID).

Rolón Galdea conta cunha extensa carreira en países como Arxentina, Rusia ou Francia, onde se doutorou, traballou case toda a súa vida, e en 2005 recibiu o Chevalier dans l’Ordre des Palmes Académiques, a importante condecoración que  entrega o goberno francés. Hoxe está de volta en Paraguai, tras máis de 40 anos de ausencia.

Preguntado polas cuestións que se deben ter en conta para xerar unha cultura científica nun país que polo menos a nivel popular nunca a tivo, Rolón responde:

“É unha cuestión de educación básica. A falta de difusión científica é un problema moi serio. Falo da necesidade de incluír á poboación no debate sobre temas de ciencia e tecnoloxía. Pero para iso necesítase unha poboación moito máis consciente. Crear as estruturas para que a educación acade ese nivel é responsabilidade de todos nós”.

Outra reflexión que tamén merece a pena salientar é a referente á existencia ou non de amor pola ciencia no seu pais. “Se os científicos facemos ciencia é porque sentimos amor cara ela. En canto á poboación en xeral, sen embargo, si hai un grave problema de información e coñecemento. Non se lle pode esixir amor pola ciencia a alguén que non a coñece, que non sabe de que trata nin para que serve. Cambiar iso é vital en termos de educación global, pero tamén en termos da construción das vocacións. Non se fai nin se ensina ciencia para que toda a sociedade se converta nunha sociedade de científicos, pero si para que nalgúns dos seus membros se esperte unha curiosidade pola investigación. Tampouco se trata de formar unha elite, senón de permitir que aquelas persoas con predisposición para a ciencia poidan poñer a súa vocación en acto”.

Unhas palabras que din moito da necesidade de xerar vocacións científicas nos máis mozos e implicar ao conxunto da cidadanía no debate da ciencia e a tecnolóxica, uns obxectivos que resultan inalcanzables sen unha sociedade concienciada que traballe da man para acadalo.

3 comentarios:

  1. Coido que a divulgación e agora máis inmediato, a creación de vocacións científicas, son as asignaturas pendentes da ciencia no noso país e todos os científicos deberían aplicarse o conto porque iso implica tamén o recoñecemento á súa achega a sociedade.

    ResponderEliminar
  2. Candidata,: Yo quería preguntar por sus planes con las Humanidades. Y que aclarase si son ciertas las graves manifestaciones que se dice vd. realizó sobre el "lastre que estas suponen para la USC".
    Muchas gracias por su respuesta.
    Una profesora (de Humanidades, claro) de la USC.

    ResponderEliminar
  3. Estimada profesora, nunca considerei un lastre as Humanidades, senón todo o contrario. Non só valoro o seu papel fundamental no progreso social, senón que nunca estiven de acordo na separación entre Ciencias e Humanidades. Convídote a que coñezas a nosa proposta na que estivemos traballando todo e equipo e a que realices as achegas que consideres oportunas desde o teu ámbito do saber.

    ResponderEliminar