2 may 2010

A ciencia como ferramenta para a cooperación


Cada domingo gústame escoitar a sección Ciencia para Curiosos do programa A vivir que son dos días da Cadena Ser. Precisamente, hai unha semana, coincidindo co Día Internacional contra a Malaria, unha enfermidade erradicada hai 60 anos en Europa, pero que aínda hoxe remata cada ano coa vida de 1 millón de persoas no mundo, realizáronlle unha entrevista a Pedro Alonso, un investigador fundamental neste eido.

Pedro Alonso leva loitando máis de 20 anos contra esta enfermidade, a través do seu traballo no Centro de Saúde Internacional do Hospital Clínic (Barcelona), e o Centro de Investigação em Saúde de Manhiça (CISM), en Mozambique, vinculado ao primeiro.

O investigador Carlos Martínez, colaborador habitual desta sección, destacou deste centro unha idea que me parece fundamental: a formación de investigadores do propio país. O CISM é "un modelo do que debe ser a colaboración co terceiro mundo", apuntou Martínez; un centro de investigación de excelencia, que proporciona formación ás persoas de alí, que se forman en Barcelona e noutros centros internacionais de referencia, e se reintegran de novo no seu país de procedencia. 

De feito, segundo explicou Pedro Alonso, na actualidade tanto o director do centro como dos seus distintos departamentos son mozambicanos cun claro compromiso co seu país.

Pedro Alonso é un científico de referencia, tanto polos seus importantes traballos como polo seu firme compromiso na erradicación desta enfermidade no continente africano. Neste senso, o desenvolvemento de vacinas é un dos eixos do traballo que dirixe. Así, desenvolveu unha primeira demostración que ten desencadeado nun ensaio de fase tres, de gran escala, involucrando a 7 países africanos e 16.000 voluntarios, que permitirá o rexistro dunha primeira xeración. Segundo afirma este investigador, é un xigantesco paso adiante, pero non será a vacina definitiva, senón que resultará necesario mellorar a súa eficacia, que calcula será de ao redor dun 50%.

Sen dúbida un traballo de máxima relevancia para a saúde mundial, e un gran exemplo de cooperación co terceiro mundo utilizando a ciencia como ferramenta. Invítovos a escoitar a entrevista aquí.

26 abr 2010

Traballar da man para superar os desafíos

Como xa avancei neste blog hai un par de entradas, a comunidade universitaria de Reino Unido está inmersa nun debate acerca do que para algúns é unha tendencia do Goberno a privilexiar a Ciencia e a Tecnoloxía á hora de repartir fondos por considerar que estas áreas contribúen en maior medida á mellora da economía e competitividade do país.

Neste senso, pareceume de especial interese unha carta publicada en The Observer polos máximos dirixentes de importantes institucións culturais do país como a National Gallery ou o British Museum, así como os Reitores de distintas universidades.

No artigo sinalan que en situacións económicas adversas coma a actual, parece estenderse a crenza de que o coñecemento pode dividirse en bloques, dos cales algúns, como as Ciencias e a Tecnoloxía, a Enxeñería e as Matemáticas, parecen ser máis importantes para o desenvolvemento do país que os demais. E fronte a esta concepción, afirman: "Cremos que as outras áreas de investigación son igual de importantes. Incluso en termos estrictamente económicos é un erro descoidar a importancia da economía creativa e dun rico e vibrante sector cultural, de museos e galerías, para o turismo".

E van máis aló, afirmando que "os desafíos que enfronta o país e o mundo non poden ser enfrontados sen as Artes e as Humanidades". Así, subliñan que  "a complexidade dos pobos procede das súas linguas, identidades, historias, crenzas e culturas". "Sen comprender esas complexidades non podemos enfrontar eses desafíos", conclúen.

Non podo estar máis de acordo: sen as Artes e as Humanidades non seriamos quen de estar hoxe onde estamos, e sen elas non seremos capaces de continuar avanzando. É máis, nun mundo complexo e cambiante como o actual, as distintas disciplinas non poden darse as costas, senón traballar da man para poder facer fronte aos desafíos.

O link é este: http://www.guardian.co.ik/theobserver/2010/feb/28/observer-letters-arts-funding

24 abr 2010

Cuestión de motivación e referentes


"É importante para min, para inspirar ás máis novas para enfrontar os retos persoais e profesionais, para axudalas a mobilizar as súas forzas en caso de dúbida e motivar e animar a que manteñan a súa ollada posta nos seus obxectivos. Creo que a carreira das metas persoais fai que a xente sexa máis feliz e máis produtiva no longo prazo".

Estas foron as palabras de Ingrid Grummt, investigadora do Centro Alemán de Investigación en Cancro de Heidelberg (Alemaña), cando este ano foi galardoada co "Women in Science Award" que outorga a Organización Europea de Bioloxía Molecular (EMBO) e a Federación de Sociedades Europeas de Bioquímica (FEBS). 

Unhas fermosas palabras que quixen compartir con vós, xa que creo que encerran importantes reflexións no só sobre a motivación, senón tamén sobre a importancia de que as máis novas conten con modelos que lles sirvan de referencia e inspiración.

Máis información aquí.

19 abr 2010

Os legados do volcán Krakatoa

O xornal El País publicou esta fin de semana un artigo moi interesante sobre as repercusións científicas, e tamén artísticas, que tivo a erupción dun volcán na illa de Krakatoa, entre Java e Sumatra (Indonesia), que se produciu en 1883.

"La historia de dos erupciones", escrito por Simon Winchester (NYT), explica que mentres que o volcán islandés ten causado "gran impacto", o de Java produciu "sobrecollemento". "E se as cinzas do Eyjafjalla parecen ter costado millóns en perdas económicas, o po do Krakatoa deixou ao mundo non só unha herdanza de arte inesquecible, senón que estimulou un descubrimento fundamental na ciencia atmosférica", afirma.

Neste senso, resulta curioso coñecer como este fenómeno, que produciu misteriosos cambios nos ceos, estimulou a artistas como William Ascroft, que impresionado polo espectáculo da luz da noite sobre o Tamésis, pintou unha acuarela cada 10 minutos, noite tras noite, ata obter máis de 500 cadros do Krakatoa. Unha recente investigación, segundo afirma o artigo, suxire ademais que Munch pintou O grito unha década despois mentres lembraba unha noite en Oslo moi afectada polo po do volcán.

En canto á súa repercusión na ciencia, as micropartículas nadas da boca do volcán quedaron flotando no aire durante anos, manchando as correntes dos ventos, o cal permitiu aos meteorólogos debuxar un mapa que mostraba como estas correntes se movían. O primeiro nome que utilizaron para o fenómeno foi "corrente de fume ecuatorial". Hoxe en día é a corrente en chorro, unha achega que, segundo se di no artigo, "quizais sexa o máis importante legado do Krakatoa".

12 abr 2010

O impacto nas Humanidades

Recoméndovos a lectura do artigo Impact on Humanities. Researchers must take a stand now or be judged and rewarded as salesmen, de Stefan  Collini, publicado no suplemento literario de The Times. 


Collini é crítico literario e profesor de Literatura Inglesa e Historia Intelectual na Universidade de Cambridge, ademais de autor da introdución á reedición da obra "As dúas culturas" de C.P. Snow, un traballo que despois de 50 anos segue tendo unha importante actualidade. 


No artigo fai referencia a un novo  sistema para o reparto do financiamento destinado a investigación  nas universidades inglesas, que introduce como nova variable "o  impacto".

 Deste xeito, segundo afirma o artigo, os indicadores deste impacto  refírense case sempre a aspectos como a creación de negocios, a  comercialización de novos produtos ou procesos, ou outros aspectos  como a saúde ou a mellora do "benestar social, a cohesión social ou  a seguridade nacional", en definitiva, aqueles que teñen para o  autor un aspecto económico, médico ou político, e que se atopan máis  "próximos ao mercado".

 A adaptación a estes indicadores de impacto constitúe para Stefan  Collini un desastre para as Humanidades, xa que, precisamente elude  o impacto xeralmente considerado máis inmediato para a relevancia do  traballo na área das Humanidades: a influencia do traballo noutros  estudosos e no contido da ensinanza.

Así, pon un exemplo hipotético para demostralo: supoñamos que un  colega doutra universidade que é experto en poesía victoriana  traballa desde hai anos nun estudo crítico que é considerado por  diversos expertos como o mellor sobre o tema, e que aclara e anima á  comprensión da obra deste poeta por parte doutros críticos, e a  través da súa ensinanza, de futuras xeracións de estudantes, ademais  de chegar a lectores interesados. Unha peza excelente na  investigación en Humanidades, e porén, o seu impacto é cero.

 O que chamamos Humanidades, afirma o texto, é unha recompilación de  xeitos de achegarse á actividade humana na súa riqueza e  diversidade. Tratar de afondar na nosa comprensión en calquera dos aspectos desta actividade é unha decidida expresión de  curiosidade humana e é un fin en si mesmo.

Estou totalmente de acordo, e vou máis alá, porque a diversidade  académica non se refire só ás Ciencias e ás Humanidades, senón que  a variedade, a diversidade na Universidade é e debe ser unha  constante, e de aí a necesidade de evitar cortar todo polo mesmo  patrón. Neste senso, para atender esas diferenzas é necesario  articular distintas fórmulas de valoración e financiamento.



9 abr 2010

Os avances das mulleres na ciencia

Durante séculos as mulleres fomos silenciadas e apartadas da cultura e do saber. Con todo fomos quen de ir formándonos pouco a pouco, de ir conquistando institucións coma a Universidade e de facernos un sitio no coñecemento, grazas en boa medida ao traballo que desenvolveron científicas ocultas tras a figura dun home e que deron a coñecer o éxito dos seus traballos cedendo, en moitos casos, a súa autoría a un home.
 
Hoxe a presenza das mulleres en todos os ámbitos da sociedade é indiscutible pero quedan aínda chanzos por subir. Temos que participar máis nos núcleos de decisión e temos que formar parte das cúpulas do poder. O avance rexistrado nos últimos anos é moi significativo pero é preciso que as futuras xeracións teñan referentes e neste afán, traballos como o publicado esta fin de semana no magazine Mujer de Hoy baixo o título Científicas españolas en vanguardia dan conta de traxectorias de mulleres actuais que destacan no ámbito científico. Especial consideración merecen tamén os informes Ni tontas, ni locas e Mujer y Ciencia da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).