5 abr 2010

Camille Claudel

Recoméndovos a lectura dun artigo publicado esta Semana Santa no suplemento Babelia de El País que asina Manuel Vicent. El beso de mármol de Camille Claudel relata con mestría a vida da escultora francesa Camille Claudel, que foi amante de Augusto Rodin. Camille era a que o inspiraba, coa que ía ás festas e realizaba longas viaxes. Pero nunca casou con ela. A muller que o tiña amarrado era Rose Beuret, á cal coñeceu cando era unha modista analfabeta, e que atendía ás súas pulsións máis primitivas. "Servíalle de modelo, limpáballe a casa, preparáballe a comida, poñíalle cataplasmas e na cama remediáballe o sexo abrupto, pero nunca o acompañou en calquera acto público nin a sacou de festa cos amigos porque se avergonzaba de levar ao seu carón unha muller primaria e inculta", reza o texto.

Mulleres infelices as dúas, unha, Camille, que escandalizaba á sociedade burguesa coa súa liberdade, outra, Rose, relegada ao fogar pola súa  incultura. Dúas caras dunha mesma moeda: a dunha muller que non podía ser ela mesma, que debía someterse ás normas da sociedade. Ser culta, pero non demasiado (non vaia a ser que destacara máis que o seu marido...), ser nai, enfermeira, cociñeira..., en definitiva, servir aos desexos do home e adaptarse aos cánones da época.

Camille intentou atopar o amor noutros brazos, os de Claude Debussy, pero neste caso tamén "foi batida por outras mulleres domésticas", afirma Manuel Vicent. Os seus fracasos amorosos provocáronlle crises nerviosas, que se foron agravando ata tal punto que comezou a destruir as súas obras, do mesmo xeito que se estaba destruíndo a ela mesma. Pasou os últimos 30 anos da súa vida nun manicomio

30 mar 2010

El Escritor, de Roman Polanski

Anímovos a todos e todas a ver a película El Escritor (The Ghost Writer), de Roman Polanski.


É unha obra impresionante, un thriller que non deixa respirar, unhas actuacións inquedantes, e algún personaxe que aínda latexa na miña memoria... Cine de verdade, que nos fai reflexionar sobre os diferentes aspectos das persoas, que nos demostra que nunca chegaremos a coñecer a ninguén en todas as súas dimensións. Aí radica a capacidade de sedución dos personaxes.





29 mar 2010

Marabillosa Elina Garança

O xoves tiven a oportunidade de escoitar a Elina Garança en directo. A verdade é que xa a escoitara en gravacións e impresionárame. Tela en Galicia foi unha marabilla, e gozar da súa elegancia, saber estar en escena e da súa musicalidade, un auténtico luxo.

O repertorio, precioso. Emocionáronme particularmente as pezas de Bellini.

Foto: http://www.elinagaranca.com/

27 mar 2010

A aposta pola investigación e a divulgación de Gregorio Marañón

A exposición "Gregorio Marañón 1887-1960. Médico, humanista e liberal" que ata o 6 de xuño pode verse na Biblioteca Nacional resalta a personalidade poliédrica deste intelectual cando se cumpre o 50 aniversario do seu falecemento.

Hoxe El País publica un interesante artigo asinado polo historiador Juan Pablo Fusi, un dos comisarios da mostra, que da conta da aposta pola investigación e a divulgación deste humanista. Así, Marañón publicou un número sorprendente de obras (125 libros, 1.800 artigos e 250 prólogos) sobre endocrinoloxía, sexo, biografía ou liberalismo. Uns escritos nos que ademais reflexionou sobre o home e a vida desde unha concepción integral, achegando as Ciencias Naturais ás Sociais e Humanas.

A vida de Gregorio Marañón foi un compromiso co progreso e os seus traballos e vida exemplar un gran legado para a sociedade española.

Invítovos a ler o artigo aquí.

22 mar 2010

Carta aberta á comunidade universitaria

Estimados compañeiros,

Quero compartir con vós un momento de especial significado para min. No día de hoxe veño de oficializar, no Campus de Lugo, a miña candidatura ao Reitorado da nosa Universidade, un momento moi emotivo que me fai evocar outros moitos da miña traxectoria académica: o día en que comecei a dar clase; os primeiros traballos en equipo, a data na que optei á cátedra, entre outros.

Momentos como o de hoxe lévanme a afirmar que Universidade é algo máis que docencia e investigación. É cultura, participación, solidariedade e vida universitaria e, sobre todo, un ánimo convencido de que o saber impregna o noso modo de ser e de facer.

Estou certa de que con este paso comezo a devolverlle á Universidade todo o que ela me aportou: formación, carreira científica, experiencia en xestión e ilusión; a ilusión que cada día definiu todas aquelas actuacións que fun desenvolvendo e que me aportou a forza necesaria para deseñar e acometer o proxecto que agora lidero.

Trátase dunha proposta, que se centra nas persoas e na participación de todos vós, un proxecto avalado por aqueles que senten e aman a universidade e que ven no seu futuro compromiso co coñecemento, revalorización da investigación e proxección internacional, todo isto, sen esquecer o verdadeiro eixo do noso esforzo: o alumno.

Por iso nos marcamos como obxectivos fundamentais formar profesionais e cidadáns responsables e comprometidos cos valores do civismo e que contribúan ao desenvolvemento da investigación, da cultura, do saber, que representan os motores do progreso social do século XXI.

Estou segura de que nas próximas datas teremos ocasión de poder afondar nestas e noutras cuestións e de que as vosas opinións e formas de ver a realidade contribuirán a seguir construíndo Universidade, a CREAR FUTURO.

16 mar 2010

Máis mulleres catedráticas

Rescato un fragmento dunha entrevista publicada esta fin de semana en El País á arquitecta Blanca Lleó, porque hai algunhas declaracións que me resultan moi significativas e que se refiren á escasa presenza da muller nas cátedras universitarias:

Lleó es profesora titular en la Escuela de Arquitectura de Madrid de la asignatura de Proyectos, que junto con Urbanismo son los huesos de la carrera. Titulares de estas materias existen muy pocas en España, pero es que catedrática no hay ninguna. Por eso compañeros y ex maestros la han animado a que se presente a la cátedra. "Me cuentan que en Pediatría tampoco existen catedráticas y, peor aún, ni en Obstetricia y Ginecología; esto sí que deja perpleja y es un derroche de energía insostenible. En las aulas la mitad del alumnado son mujeres y ese número no se refleja en las categorías superiores. Catedráticas en todas las carreras sólo son el 14% y en Arquitectura, el 7%".

Acabó la carrera con 24 años y llegó a la docencia de la mano de Sáenz de Oiza ("fui su discípula y me respaldó mucho") y Moneo. Pero ante su nueva odisea siente cierto miedo escénico. ¿A qué? "A la inercia que nos rodea, a meterme en un territorio que no es nuestro... En realidad no es ningún planazo y me gustaría que otras también se animaran a poner en valor su talento, no quiero ser una pieza rara y me gusta pensar que no lo hago en solitario".

Neste mesmo senso, Elisa Pérez Vera, a primeira reitora da universidade española e agora maxistrada do Tribunal Constitucional, aseguraba recentemente nunha entrevista concedida a Europa Press que aínda existe un número “ridículo” de representantes femininas en postos directivos, como cátedras e reitorados.

Pérez Vera, que dirixiu a UNED desde 1982 ata 1987, sinalou que desde o momento da súa elección como reitora ata a actualidade, o número de catedráticas practicamente non ten variado. “Agora as catedráticas representan o 15% do total e en 1982 o 13%. É ridículo que só teña aumentado o 2% en casi 30 anos”, concluíu.

Manifestacións estas, as de Elisa e as de Blanca, que dan conta da situación que se vive na universidade española, na que a pesares de que a presenza das mulleres é moi ampla nas licenciaturas e doutoramentos, esta vese profundamente rebaixada nos escalafóns superiores. Resulta necesario poñer o mellor de todo o sistema para evitar esta  desigualdade. É importante que estas mulleres asuman as máximas responsabilidades, porque crean modelos, e porque unha universidade moderna e aberta susténtase sobre a diversidade de visións sobre o mundo.